Skip to main content

Fervenza do Toxa

Río Toxa
Categoría Fervenza

A Fervenza do Toxa alcánzase a través dun percorrido que conduce ata o pé do salto de auga, aínda que resulta especialmente recomendable realizar antes un pequeno desvío para visitar os miradoiros do Toxa. Estes balcóns naturais, asentados sobre grandes rochas, ofrecen unha panorámica privilexiada da fervenza e do encontro entre os ríos Toxa e Deza, converténdose nun dos puntos máis espectaculares do percorrido.

O descenso cara á fervenza realízase por un carreiro que se interna de forma progresiva nunha frondosa contorna natural. Nos tramos altos do camiño predominan castaños, carballos, sobreiras e loureiros, mentres que ao aproximarse ao leito do río a vexetación cambia e aparecen especies propias de ribeira como salgueiros, amieiros e freixos. Este contraste vexetal acompaña ao visitante ata o corazón do espazo fluvial.

Ao chegar ao final do percorrido, o visitante atópase cunha impresionante catarata que se precipita en caída vertical desde uns 30 metros de altura, o que a converte nunha das fervenzas máis altas de Galicia. O estrondo da auga e a bruma constante crean unha atmosfera sobrecolledora. Existe unha área de descanso equipada con mesas e bancos de pedra, ideal para facer unha pausa antes de emprender o regreso polo mesmo camiño. O percorrido, duns 1,9 quilómetros de lonxitude só de ida, presenta desniveis con escaleiras, e pendentes pronunciadas, aspectos que convén ter en conta. A combinación de paisaxe, o son da auga e frondosa vexetación converte a visita nunha experiencia inesquecible, onde a natureza móstrase con toda a súa forza nun dos recunchos máis emblemáticos da contorna do Deza.

Contacto
  • Río Toxa
    36589
  • Silleda
Outros detalles
Duración da visita 2h
Accesíbel No