O Pazo de Camba, tamén coñecido como Casa Forte de Camba ou Casa dos Churruchaos, é un edificio señorial con raíces que se remontan á Alta Idade Media. A familia Camba, unha das máis antigas e poderosas de Galicia, exerceu un gran dominio nas terras do Deza, e durante a súa época dourada consolidou a súa presenza no municipio de Rodeiro mediante esta residencia fortificada.
O conxunto presenta unha planta en U e está formado por varios corpos adosados, destacando especialmente a súa torre cadrada, conservada en perfecto estado, que conta con dúas xanelas de arcos lixeiramente apuntados. Os muros están construídos en cantería granítica disposto en fiadas horizontais e as cubertas combinan tellados a dúas e catro augas rematados con tella, nos que sobresaen dúas grandes chemineas do século XVIII.
Historicamente, o pazo estaba conectado coa capela de San Xoán de Camba mediante un pasadizo superior, que permitía aos membros da familia acceder directamente aos oficios relixiosos. No atrio da capela consérvase o sepulcro de Fernando de Camba, falecido en 1510 e destacado pola súa participación na Guerra de Granada xunto aos Reis Católicos. Esta relación entre residencia e capela reflicte a importancia social e relixiosa da familia na comarca, así como o papel do pazo como símbolo de poder e prestixio durante séculos.